• As entradas para asistir ao acto inaugural xa están esgotadas, así como os pases para acceder á mesa sobre humor con Rober Bodegas, Alberto Casado, Raquel Córcoles (Moderna de Pueblo), Juan Ramón Bonet e Manuel de Lorenzo do xoves 3 de maio.
  • Esta edición da ICC Wee, que se celebrará do 2 ao 5 de maio, aglutinará máis de 100 horas de actividade arredor dunha decena de disciplinas.
  • Todas as ponencias serán gratuítas previa inscrición, que aínda se pode cursar a través de www.ourenseiccweek.com

Ourense, 2 de maio do 2018. –  A cuarta edición da Ourense ICC Week – Marco das Industrias Culturais e Creativas dará comezo hoxe, martes 2 de maio nun acto inaugural que reunirá no Centro Cultural Marcos Valcárcel a Bárbara Ouka Leele -fotógrafa e deseñadora-, Paco Clavel -artista e axitador cultural-, e Juan Sánchez -documentalista e comisario cultural-, para rematar nunha conversa arredor da “Cultura no deseño” que terá como protagonistas á ilustradora, deseñadora gráfica e motion grapher ourensana María Grande, e a Javier Mariscal, coñecidísimo Premio Nacional de Deseño famoso por ter creado ao Cobi nos Xogos Olímpicos de Barcelona ou por ser o creador do taburete Dúplex.

Ao longo da semana debatirase en diversos lugares da provincia sobre a fotografía, a música, o cinema, a arqueoloxía, o humor, as TICs, o gaming, e a xestión cultural. A industria musical centrará o seu discurso nunha xornada na que os músicos e compositores Nacho García Vega e Luis Mendo falarán arredor da “Supervivencia na xungla dixital”. Por primeira vez en Ourense, a AIE (Asociación de Intérpretes e Executantes) argumentrá cales son os beneficios de pertencer á devandita asociación, as medidas de protección dos que son titulares os artistas e, a xestión e procedementos cos que conta esta sociedade para asegurar a percepción de dereitos aos seus titulares en todo o mundo. Ademais, J. M Sastrón, presidente de Sociedade Xeral de Autores e Intérpretes, entregaralle o Premio Musa SGAE a Yosi Domínguez, integrante da banda ourensana Los Suaves, en recoñecemento á súa traxectoria.

No eido audiovisual, o presidente da AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas), Nico Campos, falará o venres 4 das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da da directora e guionista, Gracia Querejeta, cineasta multipremiada e referente no sector audiovisual. Compartindo xornada, en “Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento”, as protagonistas serán as “mulleres tech”, creadoras e expertas en tendencias de máxima actualidade como son a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software e a gamificación ou a economía colaborativa. Para afondar neses e moitos outros temas, a ICCWeek contará coa presenza de Luz Castro -formadora no Máster de Marketing Dixital da USC e profesora interina na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña-, Cynthia Gálvez -organizadora do Women TechMaker Zaragoza e da comunide Mulleres Tech-, e de Sara Rodríguez -manager de asuntos públicos e regulatorios en Adigital e en Sharing España-. Estas tres mulleres tecnolóxicas e emprendedoras contarán de primeira man o que están a facer na actualidade e o que está por vir nun momento de cambios como o que estamos a vivir.

Na programación desta edición destaca tamén o tratamento do humor como industria cultural e creativa. Arredor desta temática desenvolverase unha mesa redonda baixo o título “Humor e creatividade, a parella perfecta”, que xa ten as súas entradas esgotadas e contará co xornalista Manuel de Lorenzo, o presentador Juanra Bonet, a escritora Moderna de Pueblo e os humoristas e guionistas Alberto Casado e Rober Bodegas. Ademais, tamén terá lugar un espectáculo de comedia a cargo de “Pantomima Full”, o sábado, 5 de maio, ás 20.00 horas, no Teatro Principal da cidade.

O apartado musical, a “ICC Music”, terá como protagonistas a Mikel Erentxun e á banda musical Morgan, completándose o programa coa sesión “ICC Show Vermú” na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ.

Outra das novidades deste ano é que durante a celebración da Semana das Industrias Culturais e Creativas entregarase a primeira edición do premio “Rodolfo Prada á xestión cultural”, un galardón instaurado pola Deputación de Ourense co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os traballadores e traballadoras da cultura en Galicia. Nesta edición, os proxectos premiados son Unitaria, o Festival Arteficial e Fálame de San Sadurniño. Previo ao acto, Carlota Álvarez Bassó -do Centro de Arte Reina Sofía- afondará, acompañada da xornalista Marta Gómez, na xestión de públicos no sector cultural e a súa fidelidade.

O patrimonio rupestre europeo

Coincidindo co Ano Europeo de Patrimonio Cultural, no que ao longo deste 2018 se celebran a diversidade, a historia compartida e a riqueza cultural na Unión Europea, ICC Week contará cunha das súas grandes novidades: un simposio internacional de grandes especialistas en patrimonio que levará por título “O Patrimonio Rupestre Europeo”. A actividade estará coordinada polos profesores Jorge López Quiroga (Universidade Autónoma de Madrid) e Carmela Crescenzi (Universidade de Florencia) e terá como centro do debate a investigación, a xestión, a difusión e o patrimonio cultural visto non só como un legado do pasado, se non tamén como un recurso para o noso futuro.

A xornada desenvolverase nun dos grandes tesouros arquitectónicos de Ourense, San Pedro de Rocas, da man de expertos internacionais en materia de patrimonio, como son os italianos: Domenico Caragnano e Antonio Mastrángelo, o grego Theodoros Ganetsos ou o Búlgaro Alexey Zhalov, ademais dos xa citados coordinadores.

ICC Kids

Esta edición da Ourense ICC Week tamén terá programación para a mocidade dentro da súa ICC Kids. Pensando nos adolescentes, contaremos con dous dos máis afamados youtubers do país: Chincheto77 e Tonacho, que ofrecerán unha charla sobre a influencia positiva que teñen o mundo gamer e youtuber nos mozos e mozas máis novos. Ademais, o sábado ás 12h00 María Grande conectará o deseño cos máis pequenos no obradoiro Emojinarium, no que intentarán expresar emocións co menor número de trazos posibles e analizarán os emoticonos, a linguaxe universal das expresións.

“ICCGamers”, un novo espazo adicado aos videoxogos e os e-sports

ICC Gamers é un novo evento enmarcado dentro da Ourense ICC Week que xirará arredor do fenómeno dos videoxogos e os e-sports dividíndose en dous bloques diferenciados: a “ICC Technium R Encounter” e a “ICC eSports”. Con esta iniciativa, que repartirá máis de 9.000 euros en premios, búscase alonxar ao público da brecha dixital e posicionar á nosa comunidade preto deste mercado que evoluciona a un ritmo vertixinoso.

A diferencia de outro tipo de deportes, un dos factores que prima no éxito dos e-sports é que calquera usuario cun equipo informático estándar e unha conexión a internet pode disputar competicións e pelexar -dende a súa propia habitación- por acadar un posto nos escenarios máis prestixiosos a nivel mundial.  Lembremos que na pasada edición do noso encontro de ocio dixital (ICC Technium), o moañés Aarón González Santomé acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, tras permanecer 40 horas consecutivas competindo.

Ademais de coa “ICC Technium R Encounter”, ICC Gamers complétase con “ICC e-sports”, unha actividade centrada nun novo xeito de entender o deporte e na que se desputarán torneos de FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports.. Este tipo de competicións profesionais de videoxogos conta na actualidade industria totalmente profesionalizada en países como Estados Unidos, Corea do Sur, Alemaña, Francia ou Suecia e que é capaz de mover millóns de euros anualmente arredor de todo o mundo.

Share This