• Esta nova iniciativa, que se enmarca dentro da programación desta cuarta edición do marco das industrias culturais e creativas de Ourense, inclúe a “ICC Technium R Encounter” e “ICC eSports”.
  • ICC Gamers, que se celebrará entre os próximos 3 e 6 de maio, repartirá máis de 9.000 euros en premios, consolas e varios accesorios.

ICC Gamers é un novo evento enmarcado dentro da Ourense ICC Week que xirará arredor do fenómeno dos videoxogos e os e-sports dividíndose en dous bloques diferenciados: a “ICC Technium R Encounter” e a “ICC e-Sports”. Con esta iniciativa búscase alonxar ao público da brecha dixital e posicionar á nosa comunidade preto deste mercado que evoluciona a un ritmo vertixinoso.

A diferencia de outro tipo de deportes, un dos factores que prima no éxito dos e-sports é que calquera usuario cun equipo informático estándar e unha conexión a internet pode disputar competicións e pelexar -dende a súa propia habitación- por acadar un posto nos escenarios máis prestixiosos a nivel mundial.  Lembremos que na pasada edición do noso encontro de ocio dixital (ICC Technium), o moañés Aarón González Santomé acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, tras permanecer 40 horas consecutivas competindo.

Nesta edición, a “ICC Technium R Encounter” comezará o día 3 de maio ás 18.00 horas e rematará o día 6 de maio a mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. O prerexistro para poder participar nesta actividade dará comezo mañá mércores 28 de marzo e a inscrición á party poderá efectuarse o día 30 de marzo, sendo a elección de sitios o día 7 de abril. A entrada ten un custe de 25 euros que inclúe unha inscrición gratuíta aos torneos da “ICC Technium R Encounter” e acceso a todo o recinto e ás actividades da party. Tanto o rexistro como a inscrición poderán realizarse a través da web technium.es.

Os participantes poderán inscribirse en catro grandes torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl, que se desenvolverán ao longo da celebración party, que dará comezo o día 4 de maio ás 22.00 horas ata o día 6 de maio ás 16.00 horas nun formato de 24 horas non-stop. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.

 

ICC e-Sports

Ademais de coa “ICC Technium R Encounter”, ICC Gamers complétase con “ICC e-sports”, unha actividade centrada nun novo xeito de entender o deporte. Este tipo de competicións profesionais de videoxogos conta na actualidade industria totalmente profesionalizada en países como Estados Unidos, Corea do Sur, Alemaña, Francia ou Suecia e que é capaz de mover millóns de euros anualmente arredor de todo o mundo.

Este encontro tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o día 5 de maio ás 10:00 horas ata o día 6 de maio ás 15:00 horas desputándose torneos de FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos poderá adquirirse nas próximas semanas en a través de technium.es. Neles poderán participar xente de fóra da “ICC Technium R Encounter”, así como as persoas da propia party.

O torneo de Clash Royale dividirase en dúas modalidades: unha delas será, o torneo Profesional invitacional por equipos no que se darán cita os mellores clubs a nivel nacional e no que se repartirán uns premios que van desde os 2.200 euros para o primeiro; 1.000 euros para o segundo posto; 300 euros para o terceiro; e 300 euros tamén para o cuarto posto. Por outra banda, tamén existirá o torneo individual, con 200 prazas, e no que se pode inscribir calquera persoa e no que os premios irán desde os 700 euros para o primeiro, aos 300 euros para o segundo, 100 euros para o terceiro, e 100 euros para o cuarto posto.

O torneo de FIFA 18, no que participarán 128 persoas, terá un custe de entrada de 5 euros e os premios serán para o primeiro clasificado unha PlayStation 4, para o segundo clasificado un mando de PlayStation 4, e para o terceiro clasificado unha tarxeta PSN de 20 euros.

No torneo de GT Sports, cunha entrada de 10 euros, poderán participar 32 persoas, e os premios deste torneo serán un Thrustmaster T-GT para o primeiro, unha tarxeta PSN de 50 euros para o segundo, e unha tarxeta PSN de 20 euros para o terceiro.

“ICC Gamers” é froito da colaboración entre a Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, ASEII, R euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.

Share This