• Moderna de Pueblo, Juanra Bonet, Alberto Casado e Rober Bodegas intercambiarán as súas impresións sobre o tema nunha mesa moderada polo xornalista ourensán Manuel de Lorenzo.
  • A imaxe central desta terceira edición do evento ten como protagonista ao Petroglifo do Coto, situado en Punxín (Santa Cruz de Arrabaldo).
  • A ICC Week, que se celebrará do 2 ao 5 de maio, desenvolverá as súas actividades en diversos lugares da provincia de Ourense coma a Casa Museo de Otero Pedrayo, o Teatro Principal, o Mosteiro de San Clodio ou o Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Ourense, 02 de febreiro de 2018. – A Ourense ICC Week, que celebrará a súa próxima edición entre os próximos 2 e 5 de maio, terá como un dos seus eixos centrais o humor, afrontado como industria cultural e creativa. As actividades que se desenvolverán en lugares emblemáticos da nosa provincia, pasarán por diversos emprazamentos como a Casa Museo de Otero Pedrayo, o Teatro Principal, o Mosteiro de San Clodio ou o Centro Cultural Marcos Valcárcel, entre outros.
Nesta edición, a organización decidiu escoller o Petroglifo do Coto como imaxe central deste punto de encontro das industrias culturais e creativas. Juan Rivas, coordinador do evento, destacou o valor dos artistas que tallaron as rochas de O Coto, “coa vontade de expresar e comunicar a súa realidade”, e explicaba que estas mensaxes eternas “son froito dunha cultura compartida que permanece inalterable: eles deixaban a súa pegada na pedra, nós nos soportes moito máis efémeros das pantallas de leds” concluíndo que “a maior diferencia entre nós e os nosos devanceiros está en que o noso coñecemento inclúe o seu”.


A organización avanzaba tamén esta mañá que o humor ocupará unha posición destacada como industria cultural e creativa nesta edición da ICC Week, que acollerá unha mesa de debate coa participación de Moderna de Pueblo, Juanra Bonet, Alberto Casado e Rober Bodegas, moderados polo ourensán Manuel de Lorenzo, e que terá a súa extensión no Teatro Principal co espectáculo “Pantomima Full”, programado para o sábado 5 de maio no Teatro Principal de Ourense.
Pantomima Full é unha sucesión de sketches de entre cinco e dez minutos, nos que Alberto Casado e Rober Bodegas presentan situacións absurdas con normalidade, cracks que fixeron crack, un psiquiatra que está peor que os seus pacientes, a captura do narco máis guapo, ou dous tíos xogando a pares ou nones para ver quen empeza a dispararse nunha ruleta rusa.Un espectáculo coas risas aseguradas e que está a esgotar entradas alá por onde pasa. As entradas poden adquirirse xa a partir de 11€ en Ataquilla.com.
Nas próximas semanas a organización desvelará a totalidade dos contidos desta edición, que xirarán arredor da literatura, o audiovisual, as tecnoloxía, o deseño ou os e-sports, entre algunha que outra sorpresa.