Os Xardíns do Padre Feijóo transformaranse nun escenario moi especial o domingo 24 de abril, a partir das 12 horas, coas actuacións de Amaro Ferreiro, Colectivo Da Silva e os ourensáns Tandub
Esta sesión vermú, gratuíta, forma parte da programación musical da oitava semana das industrias culturais e creativas, a Ourense ICCWeek, organizada pola Deputación.
Tres estilos diferentes converterán a mañá do 24 de abril nunha intensa festa creativa, onde desfrutar dos traballos musicais que abarcan dende a profundidade de Amaro Ferreiro ao hedonismo de Colectivo Da Silva e a fusión folk de Tandub.
Ourense, 23 de marzo de 2022. Amaro Ferreiro, Colectivo Da Silva e Tandub serán os responsables de que a mañá do 24 de abril teña un ritmo e un son especial: o que da escoitar música en directo e bailar de novo ao aire libre. Esta sesión vermú, gratuíta, será nos Xardíns do Padre Feijóo a partir das 12,00 horas, e enmárcase na oitava edición da Ourense ICCWeek, organizada pola Deputación entre os días 22 e 29 de abril.
Os “Personajes secundarios” de Amaro Ferreiro, en acústico, abrirán a cita musical ás 12,00 horas. Neste traballo o autor e intérprete dá protagonismo a múltiples referencias musicais, cinematográficas e persoais. O mellor comezo para esta sesión vermú. Ás 13,00 horas a quenda será para os granadinos Colectivo Da Silva que son sete, por agora. Conforman un grupo colorista dirixido por un son post-yeyé, que se move entre os espectros do lo-fi, o doce atardecer do pop e o sombrío son da psicodelia. E o remate desta sesión de música en directo, será unha mistura entre Galicia e Marrocos, unha fusión de estilos que soa a folk e, sobre todo, a bo ambiente para unha festa especial nesta nova edición da Ourense ICC Week. Será a partir das 14,00 horas cos membros do grupo ourensán Tandub ao mando. Tres estilos, tres nomes e unha soa finalidade: que a música en directo quede viva e que os pés non paren.
OS MÚSICOS
AMARO FERREIRO
O vigués Amaro Ferreiro iniciou a súa traxectoria musical ao carón do seu irmán Iván, no grupo Los Piratas. Despois da súa disolución, os dous irmáns comezaron a facer concertos simulando ser dúas amas de casa que acompañaban ao cantante portugués Rai Doriva, que endexamais apareceu. No 2007 publicou o seu primeiro álbum en solitario, “La ciudad de las agujas”. En “Personajes secundarios”, o último traballo ata agora, inclúe temas coma “Ángeles fósiles”, no que colabora con Rayden ou “Desesperadamente”, título incluído na película “Litus”, de Dani de la Orden. O álbume está formado por dez historias con principio e final, unhas imaxes que pódense ver na propia cuberta do disco. O talento e a personalidade propia deste autor é algo xa indiscutible.
COLECTIVO DA SILVA
Colectivo Da Silva nace en Granada no ano 2017 e foi o gañador, no 2018, da VII edición do concurso Emergente, organizado pola Sala Planta Baja e o Ayuntamiento de Sevilla. O primeiro sencillo do grupo foi “…Y en verano”, elexido por Disco Grande de Radio 3 como cuarta mellor banda emerxente do ano 2018. Un ano despois fichan por Subterfuge Records e o 25 de outubre publican o seu primeiro álbum, titulado “Vacaciones” e producido por Banin Fraile de Los Planetas. Levan publicados distintos singles deste traballo, ademáis dunha versión de “Baby Come N Get It”, da artista urbana La Zowi, baixo o nome “Nena Ven A Por Eso” e un featuring co granadino Chico Blanco: “Alas Para Volar.
TANDUB
Saen de Ourense aínda que traspasan fronteiras: Tandub. O grupo fai unha fusión con sabor a folk que leva os sons da música galega e da gnawa (música tradicional perteneciente aos escravos negros de Marrocos). Letras en árabe, con toques galegos ou ingleses, e bases nacidas dunha muiñeira, dunha cantiga ou da gnawa conforman o traballo destes músicos da terra. Xa que o importante para os compoñentes de Tandub é que a xente “o pase ben, que baile e sinta a festa”. Wahid é o seu primeiro traballo discográfico, un EP con tres temas orixinais e unha versión dunha canción tradicional gnawa.
SESIÓN VERMÚ DA OURENSE ICC WEEK
CANDO: Domingo 24 de abril, 12,00 horas
ONDE: Xardíns Padre Feijóo
Comentarios recentes