O xurado do Premio ““Rodolfo Prada” á xestión cultural 2018 reuniuse no Pazo Provincial para avaliar as candidaturas presentadas e elixir os proxectos galardoados nas tres modalidades do certame. Así, o premio para profesionais da xestión cultural foi para o proxecto “Fálame de san Sadurniño”, presentado por Carmen Suárez Nieto; o premio a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados foi para o proxecto “Festival Arteficial”, presentado pola Asociación Cultural Ecolóxico Educativa Arteficial; e o premio a proxectos vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural foi para o proxecto “Unitaria”, presentado pola Asociación “Amigos, si, pero a vaquiña polo que vale”.

Os galardóns deste premio, instaurado pola Deputación de Ourense para destacar a figura deste insigne ourensán, impulsor do movemento político-cultural máis importante da galeguidade en América, serán entregados o sábado 5 de maio, no marco da celebración da “Ourense ICC Week”.

O xurado estivo integrado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, en calidade de presidente; e como vogais, por parte da Asociación Galega de Xestores Culturais: Alberto García Sánchez, Cristina Rodríguez Labandeira e Carlos Lorenzo Pérez; por parte da Deputación de Ourense: Luís González Tosar, Antonio Piñeiro, Juan Rivas; e por parte da Asociación Rodolfo Prada, Francisco González.

A Deputación de Ourense, a través deste galardón, que ten como obxectivo distinguir a persoas, proxectos ou colectivos que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con referencia á cultura galega, destina un total de 6.000 euros en premios. Deste modo, na modalidade dirixida a profesionais da xestión cultural, o premio consiste no financiamento dunha bolsa para a participación nalgunha acción formativa sobre xestión cultural no marco do programa “Europa Creativa” ou de calquera outra entidade cultural que resulte de interese para o premiado, cunha contía máxima de 1.000 euros.

Na modalidade dirixida a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, o premio consiste na colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultural que promova a asociación galardoada, cunha contía máxima de 2.000 euros.

E, por último, na modalidade dirixida a proxectos culturais vinculados á AGPXC, o premio consiste na colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultural que promovan as persoas responsables do proxecto gañador, cunha contía máxima de 3.000 euros. Asemade, tódolos premios irán acompañados, nas tres modalidades, cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns, así como dun diploma acreditativo.

Share This