O presidente da Deputación de Ourense apelou na entrega dos premios á xestión cultural ao carácter creativo dos ourensáns “para estar sempre na vangarda”: “Somos herdeiros dun territorio e dunha xeración que fixeron cultura nun territorio como este, feito de xente creativa, traballadora e emigrante, como Rodolfo Prada”

A xornada, penúltima da Ourense ICCWeek, rematou no Marcos Valcárcel coa entrega dos tres premios Rodolfo Prada -a Yolanda Castaño, o Festival de Cans e  e ao Museo do Médico Rural de Maceda- e mención especial que fixo nesta edición o xurado, a Fundación Contemporánea

Antes, o profesor de Economía da Universidade de Barcelona Manel G. Piñero desenrolou no seu relatorio o concepto de innovación e xestión cultural destacando a necesidade de “manter unha relación directa co usuario e non só facer unha transacción” . E a directora da Fundación Contemporánea, Mariana Pineda, ofreceu algúns datos sobre o ranking de Galicia no Observatorio da Cultura 2021

 

Ourense, 28 de abril de 2022.  A cultura – un dos eixes sobre o que se sustenta a Ourense ICCWeek- a súa xestión e a labor dos seus profesionais foi esta tarde a protagonista absoluta. Os dous relatorios que ofreceron Manel G. Piñero e Mariana Pineda, e a entrega dos premios Rodolfo Prada á xestión cultural que a Deputación de Ourense organiza así o amosaron. Neste 2022 os gañadores foron Yolanda Castaño, o Festival de Cans, o Museo do Médico Rural de Maceda e unha mención especial para á Fundación Contemporánea.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou no peche do acto que “nos adicamos a facer cultura, que é o máis importante. A nosa cultura é transversal e con maiúsculas. A cultura é identidade, é o que nos diferencia e é a alma de todo. Nós somos herdeiros dun territorio e dunha xeración que fixeron cultura nun territorio como este, feito de xente creativa, traballadora e emigrante, como Rodolfo Prada.”

Tamén tivo unha lembranza para José Antonio Viñas, director da agrupación folclórica Queixume dos Pinos recentemente falecido -“seguiremos cosa súa labor”- e anunciou que o próximo ano “estes premios pasarán de tres a oito categorías”. Manuel Baltar nomeou a ourensáns ilustres coma Blanco Amor, Xocas, Otero Pedrayo ou Vicente Risco: “Somos o suficientemente creativos como para estar sempre na vangarda, na tendencia é en todo aquelo que na disciplina creativa podamos desenrolar. E esa foi a base da Ourense ICC Week”.

 

Relatorios da xornada

Manuel G.Piñero, profesor de Economía na Universidade de Barcelona e co editor do libro “La innovación en la gestión de la cultura” xunto a Lluís Bonet, acometeu a tarefa de explicar que é innovación e a creación.

Ante un público expectante desenrolou varios conceptos relacionados coa xestión cultural. Falou de “innovación pechada e aberta” e incidiu en que “a colaboración con portas externas mellora as expectativas de negocio”. Co exemplo gráfico dun embozo sinalou que “nun caso as ideas so entran, na innovación aberta as podes buscar externamente, e tamén buscar, non só o para mercado obxectivo senón tamén novos mercados que podes ir descubrindo”.

“Para ter boas ideas temos que ir mas alá. O valor é o mais importante, aínda que é unha percepción subxectiva dos usuarios, do público e da empresa. Neste senso, agora o que era gratuíto ten un prezo que nos fan pagar de forma externa”, continuou. Para Piñero nestes intres unha das cousas mais importantes é a relación directa cos usuarios: “Hai que ter unha relación, non só unha transacción cos clientes. Desta maneira o usuario final ten a sensación de que é partícipe e de que tamén gaña”.

Outros dos conceptos manexados durante o relatorio foi estandarización -menor custe- e customización, “onde a cultura debe poñer o foco”. Aseverou que a “innovación consiste na xeración do valor, é subxectiva e depende do público. Agora o importante e segmentar por comportamentos, non por idade ou xeografía”. O relator incidiu de maneira especial en que agora o que hai que facer “é buscar a relación directa co consumidor final porque podemos obter os seus datos e  ser os donos deles”.  Tamén falou de “investigación de mercado e investigación de deseño, que supón menos usuarios, pero un estudo mais en profundidade.  As entrevistas co usuario é aconsellable facelas cara a cara para atopar matices que creen unha experiencia empátante para o consumidor” e destacou a importancia de buscar mercados por descubrir.

A xornalista Marta Gómez foi a responsábel de presentar o acto e manter unha conversa con Mariana Pineda, directora da Fundación Contemporánea, mención especial dos Premios Rodolfo Prada. “La fábrica” é unha empresa de xestión cultural que ten clara a importancia da colaboración entre o sector público e privado que ten que darse dende o primeiro momento”. Enumerou o amplo abano de actividades e proxectos que leva a cabo a Fundación Contemporánea dende o 2019.

“Cada vez que arrancamos cun proxecto sempre é emprendemento, que non é nada novo para a cultura. A dificultade é o amplo espectro da cultura e chega un momento en que resulta complexo trazar unha liña para darnos a coñecer”, sinalou Mariana Pineda, que explicou a dificultade de definir que é un xestor cultural. Destacou o seu proxecto “estrela”: O Observatorio da Cultura. “O obxectivo é dar visibilidade dunha maneira gratuíta á cultura e impulsar e dar voz á riqueza que hai no panorama nacional. No pretende nada mais que ofrecer esa comunicación global a proxectos que aínda non están nos canais mais oficiais”.

Mariana Pineda ofreceu datos de Galicia no Observatorio da Cultura feito público este ano con respecto ao 2021. “Es oitava no ranking das Comunidades Autónomas, e o panorama que aporta é de gran dispersión e gran riqueza. É bo polo que conleva esa gran diversidade dos proxectos da cultura”. Destacou que “é certo que non hai grandes iconas coma noutras comunidades: as 16 propostas corresponden a cine, teatro, arte contemporánea, música, danza e performance”. Aportou algúns datos relativos a este ranking “das 16 actividades, sete foron en Santiago e nove tiveron lugar en localidades diferentes. Tamén vimos que case todos responden a un calendario temporal” e finalizou destacando á visibilidade “que é moi boa e cun recoñecemento ao rural, con festivais de calidade fantástica e patrimonio moi rico”.

 

Entrega dos Premios Rodolfo Prada

A entrega de premios comezou coa mención especial á Fundación Contemporánea entregada polo director da Asociación de Xestores Culturais de Galicia, o ourensán Carlos Lorenzo e recollida por Mariana Pineda, quen afirmou “cando non hai cultura a cidadanía está mais pobre”.

Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, fixo entrega do terceiro premio ao Museo do Médico Rural de Maceda, recollido polo seu fundador, Jose Manuel Lage, quen fixo un intenso e emotivo repaso pola profesión – “éramos médicos, psicólogos e un pouco de todo. Éramos os médicos dos pobres” -e pola historia do Museo.

O segundo premio, para o Festival de Cans, foi entregado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e recollido por Alfonso Pato, quen lembrou a primeira vez que escoitou o nome de Rodolfo Prada: “Que veñan máis ICCWeek, mais Festivais de Cine e máis cultura”.

A poeta Yolanda Castaño, gañadora do primeiro premio, non puido estar presente por atoparse nun acto oficial da Xunta na República Dominicana. No seu nome recolleron o premio seus pais, Dolores e Emilio, da man do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Yolanda Castaño enviou un vídeo no que expresou a pena de non poder estar presente no acto: “A xestión cultural nunca é doada, hai que unir a linguaxe dos soños coa linguaxe da administración. Síntome orgullosa e honrada por levar un premio para un xénero considerado minoritario coma a poesía”.

 

MAÑÁ VENRES, 29 DE ABRIL

A xornalista e escritora Ana Iris Simón falará do seu éxito literario, recentemente traducido ao alemán, “Feria”. Será no Centro Cultural Marcos Valcárcel, ás 20,30 horas, en colaboración co Foro La Región.