• Os concertos de Morgan e Mikel Erentxun desenvolveranse no Teatro Principal da cidade os próximos 2 e 4 de maio, respectivamente.
  • O evento continúa a súa aposta polos “ICC Show” en formato “vermú” cunha proposta de acceso gratuíto encabezada por Rufus T. Firefly, Bifannah, Esposa e Silvia Superstar DJ prevista para o próximo 5 de maio.

Ourense, 1 de marzo do 2018. – A industria musical será de novo un dos alicerces fundamentais na próxima edición da Ourense ICC Week, que se celebrará entre os próximos 2 e 5 de maio. Así o fixeron público esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os coordinadores do proxecto, Juan Rivas e Manuel Araújo. Coa finalidade ofrecer unha proposta variada para todos os públicos, esta edición estará composta por unha programación musical con destacados artistas do panorama musical actual como Morgan, Mikel Erentxun, Rufus T. Firefly, Silvia Superstar, Esposa e Bifannah.

xornada inaugural do evento, prevista para o martes 2 de maio, contará coa actuación de Morgan no Teatro Principal da cidade. A banda, considerada a nova sensación do pop-rock nacional grazas á súa fabulosa forza intrumental e á voz prodixiosa da súa cantante, chegará a Ourense para presentar o seu último disco, “Air”.

No mesmo espazo, o venres 4 de maio, Mikel Erentxun fará un percorrido polas cancións de “El hombre sin sombra”, traballo nominado aos Grammy Latinos 2017 como mellor album pop-rock. O concerto terá como fíos conductores as letras intensas, de amores rotos pero que aínda palpitan con forza, unha instrumentación básica (con ampla presenza de guitarras acústicas) apoiada cada tanto en ventos e cordas, e a particular voz de Mikel.

As entradas para ambos concertos, que terán un prezo de 12 euros mediante venda anticipada e 15 euros para quen as merque o mesmo día do concerto, poderán adquirirse a través de ataquilla.com.

Volven os “ICC Show” en formato sesión vermú

Pero estes non serán os únicos concertos que acollerá a Ourense ICC Week na primeira semana de maio. Nesta edición celébranse, tal e como xa sucedera o ano pasado, os “ICCShow”: concertos despois das ponencias e actividades que funcionarán como punto de encontro entre a comunidade.

Os protagonistas da sesión vermú que terá lugar o sábado 5 de maio nos Xardíns do Padre Feijoo serán Bifannah e Esposa, dúas prometedoras bandas do panorama musical galego actual. Completan o cartel da xornada os sons rock con deslices psicodélicos dos enérxicos Rufus T. Firefly e unha sesión DJ que correrá da conta da polifacética Silvia Superstar. O acceso será libre e gratuíto.

Esta programación súmase á xa presentada anteriormente pola organización como a mesa de debate sobre o humor que contará coa participación de Moderna de Pueblo, Juanra Bonet, Alberto Casado e Rober Bodegas, moderados polo ourensán Manuel de Lorenzo, e que terá a súa extensión no Teatro Principal co espectáculo “Pantomima Full”, programado para o sábado 5 de maio.