A segunda xornada da Ourense ICC Week deu comezo esta mañá en San Pedro de Rocas (Esgos), nun encontro arredos do patrimonio e a arte rupestre coordinada polo profesor de Arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga, e pola profesora da Universidade de Florencia, Carmela Crescenzi, e contou con relatorios a cargo do director do Museo de Palagianello (Italia), Domenico Caragnano; do profesor de Historia do Dereito da Universidade de Bari, Antonio G. Mastrangelo; do profesor da Universidade do Pireo (Grecia) Theodoros Ganetsos, e do espeleólogo, escritor e profesor, Alexey Zhalov.

Ao inicio da xornada, Manuel Baltar, Presidente da Deputación de Ourense, deu a benvida a Ourense aos relatores, unha provincia que visitaban por vez primeira e “á que seguro que volverán polo seu potencial cultural e patrimonial”. Acompañouno Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas, que quixo poñer en valor o recente achado de dúas tellas de barro, con datas que as sitúan na primeira metade do século XV e que polas inscricións nelas atopadas, poderían ser “a primeira mostra de escritura en galego”.

Unha vez comezada a ponencia “Patrimonio rupestre europeo: investigación, xestión e difusión”, Carmela Crescenzi, do Departamento de Arquitectura da Universidade de Florencia, expuxo algún dos resultados das investigacións sobre o patrimonio rupestre mediterráneo, desenvolvidas en Italia, España, Turquía, Francia e Grecia ao aveiro do Proxecto CRHIMA, para dar a coñecer e preservar a historia da cultura rupestre antes da súa degradación pola erosión.  O proxecto documenta as primeiras formas de vivenda en covas e rochas que se poden atopar nos cinco países do estudo, concluíndo que “vivir no espazo excavado foi un fenómeno transversal e común a todos, evolucionando desde o primitivo refuxio baixo a rocha, ata a excavación e alteración da pedra nunha acción consciente e planificada, tomando xa valor como arquitectura“.

A través das pinturas das igrexas das rexións da Puglia e Basilicata, na Italia meridional, Domenico Caragnano, director do Museo do Territorio de Palagianello (IT), mostrou a forte influenza que desde o ano 800 o Imperio Bizantino exerceu nesta contorna, onde é frecuente atopar iconografías representando ao Pantocrátor, propio daquela cultura.

O avogado italiano Antonio Giuliano Mastrangelo, pola súa banda, participou na ICC Week abordando a “ameaza que a propiedade privada supón para a custodia e o mantemento do patrimonio rupestre” no territorio de Massafra (Italia), exposto á degradación dos efectos atmosféricos e abandonado en mans privadas, pola falta de incentivos para a súa conservación, e destacou que “os bens patrimoniais conxugan beneficios tanto individuais como comunitarios para a veciñanza, polo que a cuestión debe trascender e identificarse nunha lexislación que garanta a súa conservación, a cargo dos propietarios e con axuda de fondos públicos”.

Jorge López Quiroga, Doutor en Xeografía e Historia e comisario da mostra In Tempore Sueborum promovida pola Deputación de Ourense, presentou na ICC Week algunhas das claves do estudio preliminar ao proxecto de investigación que se desenvolverá ao redor do complexo rupestre de San Pedro de Rocas, “probablemente o maior complexo rupestre medieval do noroeste peninsular; un estudio no que participa un equipo interdisciplinar, que empregando tomas interiores con láser scanner, imaxes con drons, ortofotos, fotogrametría, medición de temperaturas na roca e datacións de Carbono-14, trata de definir “cando e como se construíu Rocas”, desde a primeira fase constructiva do século VII, que “podería ser un reaproveitamento dun anterior abrigo rupestre”, ata o Rocas actual, sobre o que se realizará unha exhaustiva valoración dos posibles riscos de humidades, patoloxías e enfermidades que poida ter a pedra para poder actuar e garantir a conservación destes vestixios.

O físico grego, Theodoro Ganetsos, mostrou o froito dos seus estudios de Arqueometría nas pinturas e frescos dos antigos mosteiros medievais de Grecia, onde se aplicaron ata catro técnicas diferentes para identificar materiais como a sodalita, ou o jade a través do Espectro Raman nos pigmentos das obras.

Pechando a mañá, o espeleólogo Alexey Zhalov, fixo un percorrido gráfico polos restos conservados de construccións nas rochas do seu país de orixe, Bulgaria, onde o 22% do territorio é de orixe kárstica: igrexas, celas para diferentes usos, tumbas e covas, e mosteiros, onde nalgúns casos se mantén a actividade monacal dunha orde ortodoxa.

Xa pola tarde, o debate centrárono os dereitos dos intérpretes e os executantes e o humosrcomo industria creativa. Atendendo á primeira das cuestións, os músicos e compositores Luis Mendo e nacho García Vega -da Asociación de Intérpretes y Ejecutantes- abordaron o papel dos artistas fronte aos cambios actuais no mundo da música.
Luis Mendo defendeu que é preciso loitar por unha remuneración tamén para os intérpretes alegando que “cando unha persoa accede a unha plataforma dixital, pagando ou non, os creadores deben ter a remuneración xusta. É un soporte, hai ouvintes, e hai unha empresa polo medio con ánimo de lucro.” Ademais concretou que “o traballo de AIE é protexer todo esto, e unha parte dos fondos de AIE adícanse a actividades complementarias destinadas a axudar a socios e futuros socios”. O músico Nacho García Vega determinou que “na actualidade se escoita máis música ca nunca, pero a parte creativa e interpretativa foi perdendo valor” e que “a vocación monopolista das grandes multinacionais, compañías e novas plataformas dixitais, está modificando a cadea de valor na música”. Ambos concordaron comentando cos asistentes que nos días que corren hai certo amor polo gratis pero hai que loitar por manter o valor da música, malia a ser intanxible.

humor tivo o seu espazo na ponencia “O sentido da creatividade” da man do humorista, Rober Bodegas; o humorista, Alberto Casado; a humorista, blogueira e ilustradora, Raquel Córcoles (Moderna de Pueblo); o humorista e presentador, Juan Ramón Bonet e o xornalista Manuel de Lorenzo, que exerceu o papel de moderador.

Na conversa, abordáronse temas como os tópicos á hora de xerar produtos relacionados co humor, ao que Juanma Bonet engadiu que “cando non sabes que dicir e queres facer un chiste, tirar de tópicos permítenos a todos saír do paso cando estamos faltos de ideas”Raquel Córcoles, Alberto Casado e Rober Bodegas quixeron tratar a importancia de que o receptor se identifique co que se está a contar. “Cando comecei con Moderna de Pueblo, envieille un ocnvite á páxina de Facebook a todas as miñas amizades e, ao sentirse identificados, algúns ata se ofendían. Tiven que explicarlles que era un pouco autoparodia”, relatou a ilustradora. Os compoñentes do dúo cómico Pantomima Full, pola súa banda, puxeron sobre a mesa o xeito no que o seu público “se sente identificado cos personaxes que aparecen nos sketches e, incluso ás veces, non se identifican pero si que detectan a persoas do seu entorno e acúsanse entre eles etiquetándose nas publicacións”.

Para rematar o encontro, tamén conversaron arredor das diferencias xeográficas á hora de facer humor para que o consuman en distintos lugares do mundo ou as diferencias de financiamento entre os proxectos xerados por mulleres que se dedican á comedia e os xerados por homes.

Share This