Xigantes, cabaleiros e arqueiras invadiron hoxe o pavillón do colexio Mestre Vide coa celebración do torneo de “Clash Royale”, o primeiro xogo electrónico dos que se disputarán na nova edición dos “e-sports” da Ourense ICC Week 2022 ata o domingo, 24 de abril.

A participación colmou as expectativas da organización, e tanto participantes como asistentes ao evento gozaron cunha xornada na que ademais houbo xogo libre, unha exposición de retro consolas da Fundación Museo do Videoxogo de Cangas e a intervención do artista urbano Mon Devane.

Os “e-sports” continúan mañá, sábado, coa competición do International Top Simracing (ITS ICC Ourense) con oito dos mellores pilotos nacionais e internacionais e con Lucas Ordóñez de mestre de cerimonias.

Ourense, 22 de abril de 2022. Os míticos personaxes do videoxogo de estratexia en tempo real “Clash Royale” chegaron hoxe ao pavillón do colexio Mestre Vide, no primeiro dos torneos abertos e gratuítos dos eSports que teñen lugar na oitava edición da Ourense ICCWeek, organizada pola Deputación de Ourense.

Asistentes e participantes gozaron cunha xornada onde ademais houbo espazo para o xogo libre e para admirar retro consolas da Fundación Museo do Videoxogo de Cangas e o traballo do artista urbano Mon Devane.

COMPETICIÓN OFICIAL

A cita continúa mañá coas competicións de “FIFA 22”, “Fortnite”, “Dirt Rally 2.0” e “Smash Bros”, de 11 a 21 horas, con descanso entre as 14 e as 16 horas. Aínda que o prato forte será a celebración do International Top Simracing (ITS ICC Ourense). Un torneo que contará coa participación dos oito mellores pilotos a nivel nacional e internacional, onde os asistentes decidirán as combinacións de coches e circuítos que competirán neste torneo.

INAUGURACIÓN OFICIAL E HOMBRES G

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurará mañá, ás 12.00 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a oitava edición da Ourense ICCWeek. Unha semana que ofrece un amplo programa cheo de encontros, exposicións, conferencias, homenaxes e premios cos nomes máis relevantes do panorama creativo e cultural do país.

A continuación, o director artístico Paco Martín presentará o seu libro “Ráfagas”. E ás 12.30 horas participará xunto con Charlie Sánchez e Paco Trinidad na mesa redonda “Hombres G: do cumio da industria discográfica a icona pop”. Os tres son nomes claves no descubrimento e na produción da maioría dos éxitos musicais que arrasaron no panorama nacional do pasado século e desvelarán a xestación dunha das carreiras máis sólidas dos grupos nacidos nos anos 80 en España: á da banda liderada por David Summers. A xornada remata cun concerto único de Hombres G no Paco Paz de Ourense, ás 21 horas.