PARTICIPANTES DA MESA REDONDA
Nicolás Pastoriza. Músico e compositor
Compositor e guitarrista vigués que durante os últimos anos xogueteou no seu estudo caseiro, manufacturando en modo moi artesanal uns cantos discos –autoproducidos ou man a man con Iván Ferreiro e outros amigos talentosos– construíndo historias entre o municipal e o paranormal, aderezadas cun pop fiel á tradición psicodélica británica que flúe desde Syd Barrett ata os nosos días. Mellotrones, ecos de cinta magnetofónica, guitarras ao revés, sintetizadores arcaicos e pianos de xoguete conviven con samplers, loops e app’s, creando unha ensalada sónica, onde agroman os seus particulares relatos de escapismo, cotidianeidade, maxia e costumismo. O próximo artefacto que Nicolas Pastoriza poñerá en órbita trátase dunha colección de novas cancións servidas como episodios dunha hipotética serie televisiva titulada Servicio de Atención al Cliente, dividida en dúas tempadas que serán “emitidas” en plataformas dixitais ao longo dos próximos meses. Este particular Black Mirror foi xestado, composto, gravado e producido por el mesmo no seu estudo caseiro habitual durante practicamente todo o período COVID, coa colaboración de Sergio M. Puga, Iago Reigosa e Paulo Pascual, que completan a banda nada destas gravacións.
Julio Ruiz. Xornalista musical
Traballou tanto en prensa como en televisión e radio, e é responsable dun dos programas máis veteranos do dial, que acabou por motivos laborais de xubilación o pasado 18 de xuño, logo de 50 anos en antena. O seu Disco Grande empezou a emitirse en Radio Popular FM o 27 de marzo de 1971. A nivel local, estivo na mesma emisora ata 1983, cando comeza a longa tradición de Julio con RTVE (do 83 ao 91 en RadioCadena ou Radio 4 e a partir do 91, xa en Radio 3, ata a data). Recentemente, comezou unha andaina polo mundo dos podcasts (Todos los Discos son Grandes) en Subterfuge Radio. Ademais, escribiu en revistas musicais como Disco Express, Discóbolo ou Spiral, a parte de facer críticas de concertos para diarios de información xeral, nos que tamén traballou como redactor ou editor. Así mesmo, foi o director do primeiro programa de vídeo- clips (Disco Visto, emitido por TVE no ano 1984). Colaborou en distintos libros relacionados coa música e escribiu Yo me voy al Manzanares para a serie Hooligans Ilustrados da editorial Libros del K.O. En 2013 recibiu o premio Ondas, que se une a outros recoñecementos, como o da Academia de Radio e Televisión, dous Pop-Eye e un galardón da Unión Fonográfica Independente.
Chema Ríos. Comisario da Exposición
Vinculado á música desde os 12 anos, cando formou o seu primeiro conxunto musical con compañeiros do colexio e o seu irmán. Naqueles tempos, a figura dos Beatles era a que máis lle chamaba a atención, e pronto sintiu un grande interese polo inglés para aprender as súas cancións. Mais seu pai recomendoulle aprender francés, que era máis doado. Dende entón, viviu frustrado por non dominar o inglés como cómpre. Chema tivo a sorte de coñecer a persoas moi próximas ao cuarteto de Liverpool, especialmente aos familiares de Lennon e a algunha persoa do seu servizo doméstico. Puido compartir mesa e mantel con Yoko Ono en varias ocasións e coñeceu en persoa ao Quinto Beatle, George Martin e, incluso, a irmá de John Lennon, quen se hospeda na súa casa cada vez que acode por estes pagos. Foi o promotor e produtor do triplo CD 50 Aniversario Beatles, no que participaron, entre outros, Yoko Ono, Miguel Ríos, Xoel Lopez, Andrés Calamaro, Coque Maya, The Quarrymen, Javier Gurruchaga, Milladoiro, Susana Seivane, Carlos Childe, Extrema Urgencia, ata un total de 58 artistas. Este traballo foi elixido por Radio Nacional de España como o máis importante dos discos tributo aos Beatles, pola súa calidade e singularidade. Os seus beneficios íntegros destináronse a Médicos Sin Fronteras.
Comentarios recentes