A xente nova da comarca de Castro Caldelas está chamada a ser protagonista absoluta do obradoiro de Realidade Virtual  que se realizará ao longo desta semana Santa. Esta iniciativa englóbase dentro do programa educativo ICCKids 2018 da Deputación de Ourense, dirixido a fomentar a cultura emprendedora dixital e o sentido da innovación na provincia de Ourense.

O obradoiro de Realidade Virtual terá lugar os días 26, 27, 28 de marzo e o 2 de abril de 10:00 da mañá a 13:00 do mediodía. A actividade está enfocada a mozos e mozas de entre 8 e 15 anos de idade e realizarase nas instalacións da aula Cemit de Castro Caldelas. A actividade é gratuíta pero require inscrición previa. Os interesados en participar deben encher un formulario a partir desta mesma tarde na propia Aula Cemit de Castro Caldelas ou através da súa páxina web https://cemit.xunta.gal/es/centro/27

En que consiste a actividade?

A Ourense ICC Week e o seu apartado formativo, ICCKids, pretenden con este obradoiro crear unha experiencia interactiva na que as persoas participantes non só observen, senón que tamén constrúan, se movan, debuxen e creen a súa propia contorna dixital. Terán a oportunidade de gozar desta tecnoloxía que brinda novas oportunidades para o xogo e a acción. A experiencia espacial que expón a realidade virtual  permite explorar novos ámbitos creativos. Para iso, contaremos con CoSpaces, que é unha plataforma coa que crear, explorar e compartir mundos tridimensionales. Igual que sucede con  Scratch, os nenos e nenas poden desenvolver o seu pensamento e expresar as súas ideas utilizando este recurso tecnolóxico. Ademais poderán programar movementos dos personaxes e a interacción dos mundos coa contorna de programación: Blockly (visual por bloques tipo  Scratch). Para ver os seus traballos finalizados, contaremos con lentes de realidade virtual, que coa axuda dos móbiles lles permitirán ver o resultado final.