O mundo dos xogos electrónicos despregará na oitava edición da Ourense ICC Week, organizada pola Deputación de Ourense, un amplo programa de actividades que se desenvolverán no pavillón do colexio Mestre Vide entre os días 22 e 24 de abril.
Participarán pilotos do máis alto nivel, coma o actual campión do mundo das World Tour series, o italiano Valerio Gallo. Estará presente unha lenda con raíces ourensás, Lucas Ordóñez, que entrou na competición profesional tras gañar a primeira edición da GT Academy.
Os e-Sports recuperarán a presencialidade total na ICC Week coa celebración de diversos torneos gratuítos abertos previa inscrición no mesmo lugar da competición. Sumará unha exposición histórica gracias á participación da Fundación Museo do Videoxogo e contará cunha intervención en directo do artista ourensán Mon Devane no pavillón do Mestre Vide.
Ourense, 16 de marzo de 2022. O pavillón do colexio Mestre Vide (ao lado da comisaría da Policía Nacional) converterase dende o venres 22 de abril ata o domingo 24 de abril no epicentro internacional dos torneos de eSports da semana das Industrias Culturais e Creativas, Ourense ICC Week, organizada pola Deputación de Ourense.
A estrela desta oitava edición da ICC Week será a celebración do International Top Simracing (ITS ICC Ourense). Este torneo invitacional contará coa participación dos oito mellores pilotos a nivel nacional e internacional e disputaranse catro mangas entre o sábado 23 e o domingo 24, cun único premio de 1.000 euros en xogo. O actual campión do mundo das World Tour Series, o piloto italiano Valerio Gallo, encabeza o cartel de participantes no que tamén están Manuel Rodríguez, A. Inostroza (primeiro por Sudamérica); Nico Romero, Carlos Salazar e Fernando Perpiñán “Perpi”, finalistas das World Tour series, Pol Urra, sexto posto no Campionato de España de Gran Turismo, e o ourensán Manuel Pérez, cuarta praza no Mundial GT Media.
Sen esquecer que esta oitava edición da ICC Week ten o seu centro nas iconas, o mestre de cerimonias será Lucas Ordóñez, de nai ourensán, piloto español de automobilismo tras ganar a primeira edición da GT Academy, unha competición do videoxogo “Gran Turismo” da PlayStation 3. No 2011, el e a súa escudaría foron segundos na clase LMP2 nas lendarias 24 horas de Le Mans e campións da Copa Internacional Le Mans.
Torneos abertos ao público
Na aposta da Ourense ICC Week por ofrecer unha semana aberta e participativa a todas as industrias creativas e culturais, o venres 22 de abril comezará o primeiro dos torneos abertos ao público e totalmente gratuítos co “Clash Royale”, no teléfono móbil. O sábado e domingo celebraranse o “FIFA 22”; o “Fortnite”, “Dirt Rally 2.0” e “Smash Bros”. Haberá premios con sorpresas importantes.
O programa completarase coa exposición de 15 postos de videoconsolas retro coas que se poderá xogar co obxectivo de facer unha mostra interactiva. Estas pezas pertencen ao MUVI, Fundación Museo do Videoxogo, único no país e con sede en Cangas do Morrazo. Tamén haberá interesantes charlas para abordar aspectos diversos do amplo mundo destes xogos, música en directo, sorteos, xogo libre nas consolas, e a participación en directo do artista ourensán Mon Devane. As inscricións aos torneos serán antes do comezo dos mesmos no propio pavillón ata completar o límite de prazas e por estrito orde de chegada.
Comentarios recentes