A cuarta edición da “Ourense ICC Week”, o marco das industrias culturais e creativas de Ourense, que organiza anualmente a Deputación de Ourense e que celebrará do 2 ao 5 de maio, contará na súa programación cun espazo dedicado integramente ao audiovisual, aos novos sectores emerxentes e ás TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación). Nel, o venres, 4 de maio, o presidente da AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas), Nico Campos, falará das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da da directora e guionista, Gracia Querejeta, cineasta multipremiada e referente no sector audiovisual.
Nesa mesma xornada, que levará por nome “Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento” , as protagonistas tamén serán as “mulleres tech”, creadoras e expertas en tendencias de máxima actualidade como son a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software e a gamificación ou a economía colaborativa. Para afondar neses e moitos outros temas, a ICC Week contará coa presenza de Luz Castro -formadora no Máster de Marketing Dixital da USC e profesora interina na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña-, Cynthia Gálvez -organizadora do Women TechMaker Zaragoza e da comunide Mulleres Tech-, e de Sara Rodríguez -manager de asuntos públicos e regulatorios en Adigital e en Sharing España-. Estas tres mulleres tecnolóxicas e emprendedoras contarán de primeira man o que están a facer na actualidade e o que está por vir nun momento de cambios como o que estamos a vivir.
Humor, música e premios
Na programación desta edición, que a organización fará pública por completo nas próximas semanas, destaca o tratamento do humor como industria cultural e creativa. Arredor deste eixo desenvolverase unha mesa redonda baixo o título “Humor e creatividade, a parella perfecta”, que contará co xornalista Manuel de Lorenzo, o presentador Juanra Bonet, a escritoraModerna de Pueblo e os humoristas e guionistas Alberto Casado e Rober Bodegas. Ademais, tamén terá lugar un espectáculo de comedia a cargo de “Pantomima Full”, o sábado, 5 de maio, ás 20.00 horas, no Teatro Principal da cidade.
O apartado musical, a “ICC Music”, terá como protagonistas a Mikel Erentxune á banda musical Morgan, completándose o programa coa sesión “ICC Show Vermú” na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ.
Outra das novidades deste ano é que durante a celebración da Semana das Industrias Culturais e Creativas entregarase a primeira edición do premio “Rodolfo Prada á xestión cultural”, un galardón instaurado pola Deputación de Ourense co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os traballadores e traballadoras da cultura en Galicia.
Comentarios recentes