Ourense ICC Week 2022 celebrarase en diferentes cidades e vilas da provincia entre os días 23 e 29 de abril.
Nesta edición, a organización decidiu escoller o Icono e lenda dos rallys o Alpinche como imaxe central deste punto de encontro das industrias culturais e creativas. Sen dúbida un vehículo mítico y único, ejemplo de la creatividad aplicada a la competición.
Exposición Ao redor do universo Beatle
A cultura de masas -música, cinema, literatura, cómics e outros sectores- tivo na proliferación de redes e xanelas dixitais unha infinidade de posibilidades de converxencia entre distintas linguaxes artísticas. Unha portada dun disco dos Beatles, elevada ao rango de icona, convértese nun novo produto con valor en si mesmo, e este á súa vez inspira o deseño dunha camiseta, un xoguete ou un submarino amarelo creado en cerámica por artistas de Sargadelos. Pero a cousa non acaba aquí: tal e como explica Henry Jenkins no seu libro Convergence Culture, os fans do grupo continúan este labor creativo expandindo o universo da marca coas súas propias creacións apócrifas: fanzines, vídeos de youtube e todo tipo de meta-creacións, incluídas curtas de animación gravadas dentro de videoxogos. Trátase da eterna inclinación humana por contar historias, darlle sentido a un caleidoscopio de lembranzas persoais ou compartidas ao redor dun fenómeno cultural. Así, o mundo da marca expándese como un cosmos formado por millóns de galaxias e constelacións de clubs de fans e coleccionistas privados, e profundar na obra dun grupo como The Beatles hoxe en día, é iniciar unha viaxe Across the Universe.
Ao redor do Universo Beatle é unha exposición, comisariada polo médico coruñés Chema Rios, que conseguiu reunir unha selección de obxectos de fans particulares.
A exposición quere convidar ao visitante a descubrir os Beatles a través dun mosaico de recordos dun fan anónimo. A mostra céntrase non tanto nunha visión obxectiva da obra desta banda como nunha perspectiva persoal, apaixonada, por veces íntima; da súa historia. As pezas reunidas para a mostra van alén da música para centrarse nas figuras de John, Paul, Ringo e George e os obxectos que rodearon a súa vida e obra, convertidos en iconas culturais, un exemplo de converxencia a través de multitude de plataformas. O obxectivo é convidar o visitante a coñecer -e talvez rememorar de forma compartida- fragmentos de experiencias, pequenos e grandes momentos encapsulados nunha multitude de obxectos, que din tanto dos Beatles como dos fans que estenderon e completaron a súa obra.
Comentarios recentes