Xaime Noguerol estivo rodeado por amigos, tanto sobre o escenario como no patio de butacas, compartindo anécdotas, vivencias persoais e reivindicando a brillantez de figuras ourensáns claves como Blanco Amor, José Ángel Valente ou os propios Los Suaves.

A xornalista Maribel Outeiriño moderou o acto e lembrou algunhas das anécdotas de Xaime Noguerol, incluíndo o seu paso pola prisión de Pereiro, “onde montou ata unha radio”.

Yosi Domínguez -quen definiu a Noguerol coma “un poeta tímido e un xornalista de raza”-, o músico Manuel Recio Patacho” do grupo Glutamato Yeyé e o xornalista musical Mariano Muniesa falaron das experiencias compartidas co letrista e xornalista verinés, fundamentalmente na época da movida madrileña.

O grupo limiá Habitación Vudú interpretou varios temas con letras de Xaime Noguerol, comezando coa canción “Mujeres”, escrita para Luz Casal, pasando por outras míticas como “Generación Límite” ou “Cleptómana”.

 

Ourense, 27 de abril de 2022.  Apertas de reencontros e historias comúns foron o prólogo á homenaxe a Xaime Noguerol no vestíbulo do Teatro Principal. A emoción estivo moi presente no homenaxeado e tamén os nervios, “a ver cómo saio desta”, sinalou. O asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar, introduxo o  que calificou de “merecida homenaxe” e engadiu que “levamos tempo falando da necesidade de que Ourense lle rendira este recoñecemento. A pandemia pospuxo o acto e hoxe, por fin é realidade nesta oitava edición da Ourense ICCWeek”.

O acto arrancou coa música en directo do grupo limiá Habitación Vudú, quen interpretou cancións míticas da música española con letras de Xaime Noguerol, arrancando cun tema composto para Luz Casal, “Mujeres”, e pasando por outras emblemáticas como “Generación Límite” ou “Cleptómana”.

A xornalista ourensá Maribel Outeiriño foi a condutora e moderadora desta homenaxe, aínda que Noguerol asegurou que “mellor falamos de tributo”. Presentou aos presentes e deixou claro que “imos falar ben de Noguerol como ten que ser”. Lembrou cando coñeceu ao homenaxeado na Escola de Periodismo de Madrid, nos 60, ata que este marchou a Ibiza “onde estivo moi feliz”. Desvelou a un público entregado á causa o paso de Noguerol pola prisión de Pereiro, “onde revolucionou a todo o mundo. Todos respetábano, incluídos os presos de ETA”

Noguerol incidiu nesta época da súa vida: “Chico, si queres escribir tes que pasar polo lado escuro dunha prisión aínda que sexa uns meses. Alí ata  montamos unha radio, e unha vez por semana  viñan Maribel, Xaime Quessada e moitos mais. Montábamos auténticas festas alí dentro”.

Yosi Domínguez, o músico Manuel Recio “Patacho” e o xornalista musical Mariano Muniesa tamén compartiron cos presentes as súas vivencias persoais e lembranzas arredor de Noguerol. O primeiro foi Yosi Domínguez. “Estou aquí por agradecemento: Grazas irmán por invitarme. Quero agradecer públicamente que Noguerol participara nun libro que escribín e grazas a iso o libro foi mellor. Sempre me gustaron as súas letras, os seus escritos en La Región. Máis cun letrista, Noguerol sempre me pareceu un poeta tímido e un xornalista de raza. Mesturando todo isto dános como resultado un combinado do mellor do mundo, chamado “Ángulo inverso” -a columna que publica Noguerol cada domingo no xornal La Región-.

O cantante de Los Suaves definiuno, sobre todo, “coma un grande conversador, porque escoita, é un gran escuchador. Canda falas con el notas que se interesa polo que dis. E isto é moi importante”.

Xaime Noguerol falou das súas orixes na Raia e quixo reivindicar a fonda pegada que ten na súa vida e obra a cidade de Ourense -“a miña Ítaca particular”-, poñendo en valor a brillantez e transcendencia de figuras clave da cultura do século XX como Eduardo Blanco Amor, José Ángel Valente ou Los Suaves -“a mellor banda de rock do sur de Europa”-.